Sunday 19 de May de 2024

Os alevíns das escolas deportivas municipais de Brión gañan o Campionato Intercomarcal da Liga de Fútbol Sala en Idade Escolar


Serán un dos catro equipos que xogarán a fase provincial o vindeiro 19 de maio en Betanzos

O equipo alevín das escolas deportivas municipais do Concello de Brión proclamouse  campión do Campionato Intercomarcal da Liga de Fútbol Sala e Idade Escolar, cuxa fase final se xogou este sábado no polideportivo municipal de Corcubión. Un triunfo que lles vale ser os representantes das comarcas de Santiago, Xallas, Barbanza e Costa da Morte na Fase Provincial, que se xogará o vindeiro 19 de maio en Betanzos.

Os xogadores que dirixe José Manuel Trigo Romero, técnico de Deportes do Concello de Brión, derrotaron na final por 2-1 ao C Manuela Rial (Cee). Nas semifinal, venceran por 4-2 ao CF Outes. Os xogadores do Brión recolleron o seu trofeo como campións do torneo de mans da alcaldesa de Corcubión, Manuel Insua.

Os alevíns das EDM do Concello de Brión levan dous meses encadeando un éxito tras outro. Primeiro foi a vitoria na Liga Regula do Tambre, seguida do triunfo na fase final comarcal, xogada o pasado mes de marzo en Santa Comba e onde derrotaran á ED Os Miúdos (Muros) e Negreira. O próximo desafío será o 19 de maio en Betanzos, onde xogarán o Campionato Provincial da Liga de Fútbol Sala en Idade Escolar.

Ascenso SD Brión

Por outra banda, a SD Brión certificou o seu ascenso á segunda rexional galega, despois de vencer por 1-0 ao CD San Mamed no encontro xogado onte no municipal brionés. Os brioneses sácanlle sete puntos ao terceiro clasificado do grupo 7 da Terceira Galega, o Vea CF, cando quedan seis puntos por desputar.

Unha xornada histórica para a SD Brión, que volve á segunda rexional 4 anos despois do seu descenso. A próxima semana xogarase a derradeira xornada de liga, na que os brioneses visitarán ao primeiro clasificado e compañeiro de ascenso: o CD Estradense, sen que ningún dos dous se xogue nada no encontro.